Monday 29 de April de 2024

O Concello de Noia investiu 50.000 euros na mellora de dous camiños en Castro e Alvariza


 

O Concello de Noia vén de investir algo máis de 50.000 euros nas obras de mellora de dous camiños rurais dos núcleos de Alvariza e Campo de Castro, cuxas obras estarán rematadas esta mesma semana. Uns traballos financiados con cargo ao Plan de Mellora de Camiños Municipais 2018-2019 da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader).

A actuación máis importante tivo lugar no camiño que une Roo con Castro e dá acceso á central do Tambre, onde o Concello de Noia asfaltou un tramo de 730 metros de lonxitude e 4 metros de ancho entre a aldea e a central. Así mesmo, ancheouse un metro o camiño de zahorra que comeza na AC-543 Noia-Santiago e dá acceso a unhas vivendas. Ademais de anchear o camiño, botouse rego asfáltico nos 210 metros do camiño, conseguindo así mellorar o firme existente de zahorra. En ambos casos, procedeuse á limpeza das cunetas por ambas marxes dos camiños.